Seminario sobre "creación e comercialización de produtos TIC en Software Libre" no CDTIC

O vindeiro venres, 23 de maio do 2124, terá lugar no CDTIC (Centro Demostrador TIC) de 12:00 a 14:00 horas un seminario sobre “Creación, desenvolvemento e comercialización de produtos TIC en software libre”, da man de José María Casanova Crespo, co obxectivo de amosar aos directivos de empresas TIC as posibilidades que ofrece o software libre á hora de crear un novo produto TIC así como os condicionantes que esta utilización lles impón á hora de comercializalo e distribuílo.

O público obxectivo son tanto  aquelas empresas TIC que descoñecen completamente o software libre como aquelas que traballan con el ou afirman facer software libre, pero que non son completamente conscientes de todo o que iso implica.

Este seminario forma parte das actividades de formación específica para persoal directivo que se están a impartir desde o pasado 8 de maio e ata o 6 de xuño nas instalacións do CDTIC.

O programa do seminario será:

  • Software libre. Quen o usa para crear produtos TIC?
  • Incorporar open source no meu produto:
    • Receitas para non reinventar a roda
    • Que fan as grandes empresas TIC?
  • Como licenciar o meu produto
  • Políticas de contribución a proxectos de software libre
  • Software libre e modelos de negocio

O encargado de achegar esta formación aos asistentes será o enxeñeiro José María Casanova Crespo quen posúe unha dilatada experiencia neste ámbito, xa que é socio fundador de Igalia, consultora especializada en open source: consultor especializado en software libre e colaborador na Oficina de Coordinación de Software Libre da AMTEGA; docente na Facultade de Informática da Universidade da Coruña no ámbito das Metodoloxías de desenvolvemento; coordinador do Máster en Software Libre de Caixanova (Igalia-URJC), dende o ano 2007 ao ano 2009, e membro da GNOME Foundation e da asociación GPUL.

Máis información na web de Mancomun ou na de Amtega.