GPUL participa nas Xornada de boas prácticas con Software Libre nas ONGs

Este xoves 22 de outubro, GPUL estará presente na I Xornada de boas prácticas con Software Libre nas ONGs e Entidades de Acción Social que se celebran na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela a partires das 16:30 horas. Nesta xornada o noso compañeiro Emilio J. Padrón González (@emiliojpg)  e Ana Vázquez Fernández da Coordinadora Galega de ONGD impartirán un relatorio titulado "Experiencia de colaboración no terceiro sector para a migración a Software Libre" no que explicará a experiencia da colaboración de GPUL na Migración a Software Libre na Coordinadora Galega de ONGDs.

I Xornada de boas prácticas con Software Libre nas ONGs e Entidades de Acción Social

O principal froito desa colaboración de GPUL con organizacións como a Coordinadora Galega de ONGDs ou Enxeñería Sen Fronteiras Galicia foi a migración dos sistemas de ambas organizacións a Software Libre, cos que agora están a traballar.

No relatorio presentarase como foi o proceso de migración, que necesidades é preciso cubrir neste tipo de organizacións e algúns dos principais retos que xurdiron no mesmo.

É relativamente habitual observar como desde eidos nos que se defende e promove o uso de tecnoloxías libres e abertas —tanto polo aforro en custos que a súa adopción pode supoñer a medio e longo prazo como, sobre todo, pola independencia e soberanía tecnolóxica que permiten e a ética detrás do seu modelo de desenvolvemento— non se predica co exemplo, empregando tecnoloxías privativas no desempeño dese labor de promoción. Isto é frecuente en moitas organizacións adicadas ao Terceiro Sector, que seguen a traballar acotío con sistemas e ferramentas non libres.

Temos en Galicia un bo feixe de asociacións sen ánimo de lucro cunha ampla experiencia no uso e estudo do Software Libre, clasicamente coñecidas como LUGS ou GLUGS, do inglés de GNU/Linux User Group. Neste relatorio presentamos a experiencia de colaboración dun dos GLUGS que máis tempo leva funcionando en Galicia, o GPUL, con dúas organizacións do Terceiro Sector, Enxeñería Sen Fronteiras (ESF) e a Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento, ás que asesora e axuda na xestión e mantemento das súas TIC.

AdjuntoTamaño
xornadas-3sector-mini.png166.03 KB